Sinopse
A finais do 2021, a coreógrafa e bailarina Marta Alonso Tejada proponme dirixir un singular espectáculo de teatro e danza, interpretado por ela e polo seu compañeiro Pablo Reboleiro, artista circense e amigo da alma. A peza era singular por tratar sobre a parella, pola fonda amizade que unía ao equipo creativo, e pola esixencia de rematar co principal elemento escenográfico, un sofá, pendurado a tres metros de altura.
A idea era crear unha sit-com de danza, e deu en dúas versións, unha de rúa e outra de sala. Tiven que confrontarme co difícil drama das parellas que xa non son novas nin tampouco vellas, apremadas pola crianza dos fillos, as rutinas, as primeiras dores corporais, os desenganos da vida, e a urxencia de manter viva a chama da paixón. Unha historia que comeza, coma quen di, onde rematan todas as historias de amor, cando xa se comeron as perdices mais aínda non sabemos se nos sentaron ben.
Aceptei o desafío e entre os tres conseguimos pendurar o sofá á altura prevista.