A xénese
Teño un cariño especial por esta peza, porque foi a primeira que fixen dentro do que logo sería Galiza Emocional, e marcou unha nova fase de experimentación e mudanza creativa na miña andaina. A posibilidade de facelo xurdiu da elaboración do Mapa Emocional do Barrio de San Pedro, promovida desde a Unitaria por Nacho e Coro.
Había tempo que quería experimentar o formato do Soundwalk, inspirado por unha exposición de Janet Cardiff que puiden ver no MACBA de Barcelona. A idea era crear un espazo sonoro itinerante en San Pedro a partir dunha base documental, que era aportada polos materiais recadados durante o traballo de campo do mapa.
O Barrio de San Pedro é o meu barrio de adopción en Santiago e, por coñecemento e implicación emocional, converteuse no lugar axeitado para dar trela ao proxecto. Tratei de rexistrar os sentires e os saberes de distintas persoas ligadas ao barrio e construín un relato sonoro cos seus testemuños. Cando o puxemos en marcha decatámonos de que o formato complementábase moi ben coas cartografías emocionais, porque era un xeito de ligar o rexistro virtual dos mapas na web coa experiencia física in situ.
Foi unha veciña quen nos revelou isto, logo de facer o audiopaseo, porque segundo nos confesou, facer o paseo fíxolle volver a sentir que veía o seu barrio de toda a vida coma se fose a primeira vez. Dentro dos nosos agobios cotiáns, ás veces esquecemos que a persoas anónimas coas que nos cruzamos pola rúa teñen vidas propias, tan importantes como as nosas, e neste tipo de creacións cando menos, esa evidencia debe ser a trabe que sosteña o noso traballo como artistas.