O Proxecto:

En 2006 deuse un encontro feliz en Barcelona. Ezra Moreno, que viña do mundo da maxia, e máis eu, que viña do mundo do teatro e o cabaret, atopámonos nos platós da serei infantil Os Lunnis, da TVE.

A nosa sintonía xurdiu dunha irrefrenable necesidade de inventar universos propios, experimentar formatos non convencionais, e facer algo coa carpa inflable que Chéver acababa de regalarnos.

Así naceu o Retrete de Dorian Gray, a nosa compañía teatral, na que vimos desenvolvendo unha fecunda liña de traballo a partir do teatro de obxectos. O amigo e actor Diego Anido, que estivo presente no parto, oficiou de padriño dirixindo a primeira peza, Blazek.

O Retrete ten por principio a manipulación virtuosa de bonecos non convencionais. Dar vida a globos, imaxes fotográficas e outros títeres inverosímiles, ou resignificar as nosas propias mans en coreografías delirantes, é o noso xeito de apostar por un teatro que achegue aos espectadores outra maneira de sentir e pensar a escena. Rúa Aire, Blazek, Ne me quitte pas, ou o incombustible Retrete Cabarete, son algúns dos títulos que deron alento ao proxecto.

Durante case dúas décadas O Retrete viaxou por máis de vinte países e catro continentes, e estableceu unha alargada rede de afectos en plena vixencia. China, Austria, Francia, Italia ou Portugal, fóra de Galiza e España, son algúns dos destinos que cada ano reclaman a nosa presenza, e manteñen viva aquela chama inicial que insufla a alma das nosas personaxes.

Aquí podes ver os cartaces que fixo Guiti para nós, e algunhas fotos da compañía.

Ficha artística:

  • Ano: 2006 – actualidade

  • Créditos das fotos: J.L. Novo, outros.

  • Cartaces: Alberto Guitián

  • Dirección: Marcos PTT e Ezra Moreno

  • Interpretación: Marcos PTT e Ezra Moreno