Un Videopaseo

Aló polos anos da pandemia, Galiza Emocional traballou man a man en varios proxectos con Extramundi, unha unha asociación que tiña como liña de traballo principal a de centrarse nas persoas con diversidade funcional, mais non dende o punto de vista asistencial, senón a partir dun enfoque de dereitos. E que maior dereito que o do acceso á cultura.

Nesta peza aplicamos a técnica e procesos do audiopaseo ao formato vídeo, para facilitar a participación de persoas xordas, como a propia narradora da peza, a poeta Ana Senra, quen se ocupou de recrear as metáforas e peripecias do guión en linguaxe de signos.

Lorena Durán, da asociación, propúxome que a experiencia fose pensada desde o inicio para un público tanto oínte como non oínte e que non fose simplemente unha tradución.

Para iso, creamos unha peza de videodanza nun plano secuencia. A idea era propor aos paseantes utilizar o seu móbil como unha falsa cámara durante o paseo, nun xogo de realidade aumentada un tanto low-fi, e ter outra visión da paisaxe através da videodanza. Contei con María Roja e Fran Martínez como protagonistas e con Nacho Muñoz na banda sonora, e a experiencia serviume para explorar os límites e as vantaxes de ampliar a idea dos audiopaseos cun tratamento visual.

Aínda está activo, por se queres achegarte á saída de Vilalba, polo camiño do Norte, e facelo.

Ficha artística:

  • Ano: 2021

  • Fotos: Lucía Estévez e Sol Álvarez

  • Dirección: Marcos Ptt

  • Intérpretes: Ana Senra, María Roja, Fran Martínez

  • Música e Son: Nacho Muñoz.

  • Edición de Cor: Leticia T. Blanco

  • Produción: Extramundi e Galiza Emocional

  • Estilismo e vestiario: Paula Grandal

  • Tradución e interpretación LSE: David Fernández (En Lingua de Signos)