O Proxecto

Sempre hai esas persoas coas que, frecuentemente, tes esa conversa que comeza por “a ver se algún día facemos algo xuntos”. Pois este proxecto veu cumprir o demorado soño de traballar con José Díaz, productor da desaparecida compañía Voadora. El e Iria Azevedo quedaron entusiasmados co “San Pedro. Manual de Instrucións”, a miña primeira creación para Galiza Emocional, e tiveron a idea que finalmente fixo realidade a común arela de traballarmos xuntos.

Os Andares é unha serie de seis viaxes sonoras pola comarca dos Ancares, territorio declarado Reserva da Biosfera, e que atesoura un rico patrimonio material e inmaterial. Neste tipo de formato é preciso coidar, e moito, a interacción cos habitantes, para non colonizar o discurso desde fóra, e a única maneira de facelo é transformar o traballo en aventura.

Durante dous meses mergullámonos na zona, para falar coa xente de seu, auténticos protagonistas da historia. A acollida non puido ser mellor. Abríronnos casas, caixas de recordos e despensas, e deixaron fluír a memoria e a imaxinación sen contención ningunha.

Sobre o material recollido, a dramaturgas Clara Gayo, Avelina Pérez, María Lado, Iria Acevedo, José Díaz e máis eu, desenvolvemos un relato sobre seis enclaves máxicos: Pobra de Navia, Penarrubia, Torés, Castro de Santa María, Os Grobos e Lagoa Maior. Un equipo de artistas de teatro, poetas e músicos deulle forma e xa se pode disfrutar da viaxe con apenas un móbil e uns auriculares.

Arte na alta montaña, puro pracer emocional.

Ficha artística:

  • Ano: 2023

  • Créditos das fotos: Marcos PTT

  • Dirección: Iria Azevedo, José Díaz & Marcos Ptt
  • Dramaturxia: Clara Gayo, María Lado, Avelina Pérez, Iria Azevedo, José Díaz, Marcos Ptt
  • Voces: Patricia Vázquez, Carlos Santiago, María Lado, Gonzalo De Casa De Cardela, Marcos Ptt, Iria Azevedo, José Díaz
  • Músicas: Nacho Muñoz, José Díaz e Varios Autores Da Plataforma Epidemic Sound

  • Apoio á Investigación: Aser Álvarez

  • Edición e Postprodución Sonora: Chus Silva

  • Dirección de Produción: José Díaz

  • Asistencia de Produción: Vicente Conde