O Proxecto
Neste caso falamos dun traballo de encargo. Eu participei de xeito moi marxinal na súa creación, hai xa cinco anos. De feito, creo que o meu papel de asistente dramatúrxico consistiu en que Pablo non me fixese caso en nada do que lle dixen. E fixo ben, visto o resultado.
A orquestra de malabares é un proxecto desenvolvido por Pista Catro que xera un espectáculo circense-musical a partir do traballo conxunto entre seis malabaristas e a orquestra ou banda municipal da localidade onde se realiza. É un dos exercicios de teatro comunitario máis eficaces que teña visto, e cando Belém Brandido e Pablo Reboleiro, o artífices do proxecto, me convidaron a participar como director en xira, para substituír a Diego Anido, non o pensei un segundo.
Traballar coa xente é a miña gran paixón, e na orquestra de malabares participa xente abondo, entre 20 e 100 persoas, a depender do caso, para excitar o meu entusiasmo. Durante dous días trabállase cos malabaristas e os músicos e músicas locais para crear ritmos comúns e códigos de comunicación capaces de integrar o circo e a música nun emocionante ballet aéreo, que se presenta diante do público no terceiro día.
É un cócktail sui generis que adoro axitar e servir ben remexido para que a confusión de música e teatro faga rebentar a emoción entre o público. Unha experiencia máxica, debo dicir. E extenuante, tamén.