Sinopse
En 2014 o meu camarada Antón Coucheiro “Cou” convidoume a escribir e dirixir con el o seu novo espectáculo “Psicópata”. Iniciamos o proceso de dramaturxia e finalmente tiven que abandonar o proceso por causa de forza maior. En xusta compensación Cou pediume que crease unha sorte de película en directo dentro desta historia sobre o poder e os asasinos en serie.
Ocorréusenos facer unha sátira do xénero slasher con clips de playmobil, no espírito de comedia negra do espectáculo. Cou encargouse do guión e eu encargueime de dirixir e montar esta parodia perversamente infantil de filmes como Venres 13, a Matanza de Texas ou Halloween. A estrutura dramática do espectáculo, inspirada directamente na cinematografía do terror, amparou perfectamente o resultado.