O concepto!
O convite inesperado da Asociación de Actores e Actrices de Galicia para dirixir a gala dos premios María Casares 2023 situoume diante dun reto que non lle desexo a ninguén. Entreter aos que teñen por oficio o entretemento. Tiven que deixar de lado dúbidas e temores e o empeño destemido deu bo resultado.
Por outra banda a gala era unha ocasión caída do ceo para dar renda solta a esa paixón reprimida do mundo teatral polo chistes internos, o típico humor gremial que nunca pode ter cabida nos espectáculos habituais. Aproveitando que nesta edición se introducían por primeira vez categorías para a danza, os títeres, e a dirección de movemento, decidín enfocar a gala desde o punto de vista das que non van ser premiadas, xa que a súa arte non se contempla nas categorías de premios.
Tituleina “Esquecidas”, e homenaxeei xéneros e colectivos escénicos aínda non abondo recoñecidos no eido da alta cultura, como o circo ou o cabaret, tan importantes na miña propia crianza como artista. Rodeeime de pallasas, acróbatas e cabareteiras, artistas que ademáis son as que mellor saben dirixirse ao público e contar máis rápido o que está a pasar na sociedade, e esa frescura atesourada polo equipo artístico deulle á gala un punto de velocidade que o público agradeceu.