Sinopse
A Asociación Galega Músicos ao Vivo confiou en min para reivindicar un ano máis un estatus social de prestixio para o gremio musical galego, principal cometido dos premios Martin Códax. Encargáronme a dirección e a presentación, o que supuxo para min volver ao vello oficio de showman e mestre de cerimonias, logo de quince anos sen exercer.
Quince anos que levaba sen falar nun escenario. Unha parte de min, a intelixente, quixo saír correndo, pero a parte tola, que é a lista, decidíu dicir que si.
Contei coa axuda de Carlos Santiago no guión, que concibimos nun apartamento en Corrubedo mentres contemplabamos unha espectacular tormenta mariña no horizonte. Na dirección musical levaron a batuta Carmen Rey e Ramón Bermejo, co que xa traballara hai anos cando formei parte do Coro da Rá, e que montou un estupendo octeto vocal para a ocasión. E para un dos esketches contei coa colaboración de Pablo Trasno, recuperando o dúo Os Sancaetanos, nacido nas Ultranoites da Ramallosa. Así rodeado de amigos atrevinme a conducir a gala botando man do humor e a ironía para salpimentar a velada coa dose xusta de protesta e reivindicación. Falei, cantei e bailei e nin tan mal.
Non sei se o oficio de showman é como montar en bicicleta, que unha vez aprendido non se esquece, pero sentinme feliz de reencontrar esa faciana perdida da miña vida artística.