O proxecto
A convite de Quico Cadaval, enfrentei a honrosa tarefa de capitanear o barco de Producións Excéntricas nesta comedia divina sobre os milagres marianos recollidos en códices medievais do século XIII, como as Cantigas de Santa María, primeira obra culta da literatura galaico-portuguesa, asinada por Alfonso X.
Era a primeira vez que dirixía para unha compañía tan icónica do noso teatro, cun equipo artístico e técnico admirable e unha dinámica de traballo moi consolidada. Como enriquecer esta máquina teatral imbatible coa miña visión persoal era a única incógnita a despexar.
Coa pandemia de fondo, facer teatro nos tempos do cólera foi todo un desafío, mais o espectáculo gañou nese contexto co enfoque das pestes e supersticións medievais en clave de sátira sobre a posverdade e o redivivo conflito entre a fé e a ciencia, tan premente na altura.
Na posta en escena, optei por referencias como o teatro da legua ou o teatro de barraca, que encadraban ben a estrutura dramática fragmentada, e realzaba o probado talento cómico de actores e actrices como Victor Mosqueira, Patricia Vázquez, Evaristo Calvo ou Rocío González. Tamén botei man de retallos do teatro visual e do teatro de sombras para fixar a lectura actualizada dos milagres e achegar a simboloxía tan marcada da Idade Media ao público de hoxe.
Creo que á Nosa Señora non lle disgustou o espectáculo en absoluto.
Ah! E tamén fixen o trailer…