A Xénese

Esta peza xurdiu na miña mente nunha noite de insomnio creativo, alá polo ano 2018. A situación socio-política na altura era preocupante, no que respecta á liberdade de expresión e a creación artística, pois cada semana había noticia de actos de censura, persecucións xudiciais e escándalos mediáticos contra artistas e creadores de variadas disciplinas, como había tempo non se vía. (Ainda que agora case andamos igual ou pior…)

Esa noite caín na conta de que dous grandes amigos e creadores que admiro, no lapso de menos dun ano, foran denunciados por ofensas aos sentimentos relixiosos, no campo do deseño gráfico, no caso de Alberto Guitián, e no da perfomance cómica, no caso de Carlos Santiago.

A miña idea inicial era servir de director e produtor para xuntar ambos os dous nun espectáculo que reunise o seu talento gráfico e literario ao servizo da sagrada causa da liberdade de expresión. Finalmente acabei participando tamén como actor. É un espectáculo que destripa a historia e o concepto da blasfemia, empregando variadas técnicas como a narración escénica, o teatro de obxectos, o video-documental, a manipulación de marionetas e o humor gráfico.

O resultado? Sinceramente penso que debía ser programado en todos os institutos galegos para proveito das vindeiras xeracións e da súa sólida formación democrática.

Ficha artística:

  • Ano: 2020

  • Créditos das fotos: Fer Unitaria

  • Dirección: Marcos Ptt, Carlos Santiago, Alberto Guitián

  • Dramaturxia: Marcos Ptt

  • Produción: Unitaria e Marcos PTT

  • Gráfica: Alberto Guitián

  • Interpretación: Carlos Santiago e Marcos PTT