O Proxecto
No 2017, o Retrete de Dorian Gray entrou en estado de latencia, centrándose apenas na distribución dos seus espectáculos, e sentín a urxencia de orientar a miña pulsión creativa cara a novos territorios. Medraba en min o interese por un tipo de arte máis interventivo, cunha incidencia máis inmediata nas persoas, e este sentir levoume ata as portas da Unitaria, o espazo multidisciplinar e colaborativo do Barrio de San Pedro, en Santiago, dirixido por Gonzalo Suárez e Fernando Lema. Alí, un rebulir de activistas e creadoras traballaban na creación do Mapa Emocional do Barrio de San Pedro.
Fascinado polo espírito e a paixón daquela xente, involucreime de contado.
Foi ese o caldo de cultivo do que xurdiu Galiza Emocional, colectivo de intervención artística e social, impulsado por Coro González, Nacho Muñoz, Sol Álvarez, e eu mesmo. Galiza Emocional explora os territorios, reaviva os saberes prendidos neles e programa experiencias nos lindes borrosos do común. Cartografías emocionais, documentalismo interventivo, orquestras experimentais, audio e videopaseos, e outros formatos de creación artística participativa, animan a vontade do colectivo de axudar a transformar a vida alí onde habita: na casa, na rúa e no barrio.
Mais para min, non o escondo, Galiza Emocional é, sobre todo, un novo xeito de ser feliz.