Sinopse
E chegou o día!! Despois de anos conversando sobre as ganas que tiñamos de traballar xuntos de novo, Arturo e máis eu (eu dirixín o seu primeiro formato longo, Nono, xa polo 2002…), volvimos parir unha nova creación. E amais, desta volta, Pajarito uniuse.
Non todos os días alguén pode dirixir aos mellores pallasos de Galiza. Esa foi a miña sorte.
O punto de partida era espectacular: dúas pallasas e centos de maletas, froito da compulsión coleccionista de Arturo durante as pasadas décadas.
Pero… que era o que se quería contar? As desventuras de dous mozos de carga? a creación dun mundo paralelo?
E se esas maletas contivesen a chave para a salvagarda de todo o equilibrio mental humano? As emocións, vivencias, ilusións, experiencias, en definitiva, a bagaxe da humanidade, custodiada por un pallaso e unha pallasa… que pode saír mal?
O resultado, Bagaxe, unha viaxe emocional, un espectáculo belo e capaz de facer rir a unha pedra.







