Todo un descubrimento

Decidín desagregar esta peza de O Retrete de Dorian Gray, e decicarlle unha páxina propia porque foi un proxecto crucial na miña evolución artística. Trátase dunha película de animación sobre unha bacteria que percorre o corpo humano mutando a cada pouco, en contacto coa intensa vida protozoica que mantén vivos os nosos órganos.

Ezra ocupouse máis da parte visual, e a min tocoume facer o deseño sonoro, así que me unín a Chus Silva para  tratar de crear un universo acústico con sons e ambientes orixinais, e que se axeitasen a esa dimensión microcósmica do corpo humano. Na imaxe empregábase a animación de fotografías e a técnica de manipular aceites e transparencias nun proxector de diapositivas. No proceso apaixoneime pola capacidade do son de artellar o espazo teatral, o que marcou toda a miña liña de traballo posterior.

Contei cun equipo extraordinario, con Suso Alonso na música, Chus Silva na execución técnica, Paula Carballeira no guión e Patricia de Lorenzo e Manolo Cortés nas voces principais. E quero mencionar tamén a Marcos Pérez, divulgador científico e xestor na altura da Casa das Ciencias da Coruña, que foi o promotor do proxecto, e un dos mellores profesionais cos que xa traballei.

Foi, en definitiva, un deses proxectos, que pese a non ter sido especialmente relevante cara á galería, si o foi a nivel interno. Foi un deses traballos nos que a curva de aprendizaxe se dispara por riba de todas as expectativas e te sitúan noutro contexto como creador.

Ficha artística:

  • Ano: 2013

  • Fotos: Ezra Moreno, Marcos PTT

  • Dirección: MARCOS PÉREZ

  • Guión: PAULA CARBALLEIRA

  • Dirección artística: EL RETRETE DE DORIAN GRAY

  • Montaxe: RAÚL MANZANAL,

  • Música: SUSO ALONSO

  • Voces: PATRICIA DE LORENZO y MANUEL CORTES

  • Animaciones: RAÚL MANZANAL y ERNESTO CARMENA

  • Produción: MUSEOS CIENTIFICOS CORUÑESES, PLANETARIO DE PAMPLONA, PARC ASTRONOMIC DEL MONTSEC