De novo a memoria sonora
A narradora oral e amiga Velo Rilo, mugardesa de prol, chamoume un día para desenvolver tres paseos sonoros polo concello de Ares, en Redes, Cervás e o propio Ares. Na zona é aínda moi visíbel o impacto da emigración americana sobre o espazo urbano, con varios edificios e estruturas erguidas polos indianos na vila, de impactante estilo modernista. A intensa relación entre Ares e a Habana, destino habitual dos aresáns, fortaleceu a industria da salgadura, que se mantivo ata ben avanzado o século XX e deixou unha importante pegada na configuración do Ares moderno. Todos estes elementos facilitaban unha magnífica base documental para desenvolver os paseos, con acceso ademais a testemuñas directas daquel mundo ido. Así naceu Ares Indiano.
Contei con Vero e con Carlos Santiago, tanto na elaboración dos guións como na interpretación, e logo dun emotivo traballo de campo, creamos tres paseos dramatizados sobre a memoria local dos indianos e a salgadura. A narración desenvolvíase como un diálogo entre tres viaxeiros, matizado polas voces vivas de varias testemuñas.
A historia do Ares Indiano, que é a historia da revolución cultural propiciada polos indianos na Galiza a principios do século XX, cóntase por si mesma, prendida no espazos nos que tivo lugar. As escolas, fábricas e vivendas fabulosas, froito do compromiso dos retornados coa súa terra, cobran vida de novo para dar conta do momento no que a antiga vila mariñeira enfrontou os retos da modernidade.
Se pasas por Ares, Redes ou Cervás, busca os QR nos edificios indianos e poderás catar este traballo.