Sinopse
Este proxecto xurdiu no contexto da pandemia, e foi un formato proposto por Alejandro Pan para manter vivo o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo durante eses días nos que entrar en teatros aínda non era posible. Tratábase de crear varios podcasts dramatizados, para escoitar na rúa, diante dos característicos murais que decoran varios edificios de Carballo, e eludir así o peche das salas teatrais.
O Nome global desta sección foi FIOT FÓNICO
Realizouse durante dous anos, correndo a dirección artística inicialmente da man de Quico Cadaval, sobre guión de Rosalía Fernández Rial. Quico chamoume no primeiro ano, sabedor das miñas artes na dramaturxia do son, para facer o que se deu en chamar a “escenorafía sonora” da primeira peza “A lúa, válvula de sprai”, un relato dividido en capítulos, ambientados cada un nun mural dos que enchen as rúas de Carballo.